Thursday 16 de May de 2024

Máis de 150 alumnos e alumnas participaron en Lousame na inauguración do curso académico da UNED Sénior Coruña


Participaron alumnos e alumnas de Lousame, Rianxo e concellos do Barbanza, así como alumnado de Guitiriz, Monfero, Aranga, Paderne, Irixoa e Xermade

O director da UNED A Coruña, Germán Carro Fernández, deu por inaugurado oficialmente o curso 2016/2017 da UNED Sénior da Coruña nun acto celebrado na escola da Minas de San Finx de Lousame. Un acto no que estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; polo coordinador da UNED Sénior da Coruña, Luís Rodríguez Patiño; e por Carme Freire, representante da Asociación Maisdetres e impulsora da Aula de Toxosoutos da UNED Senior de Lousame; e Miguel Somoza, coordinador para Rianxo.

Ao acto oficial de apertura do curso da UNED Sénior da Coruña asistiron máis de 150 alumnos e alumnas chegados de Guitiriz, Monfero, Aranga, Paderne, Irixoa, Xermade, Lousame e Rianxo, principalmente, así como algúns maiores doutros municipios do Barbanza que asisten ás clases da Aula de Toxosoutos. A celebración contou tamén coa asistencia de historiadores como Felipe Senén e Clodio González, así como dos dous profesores que impartirán as materias da UNED Sénior de Lousame este ano: Fernando Docampo e Socorro Vázquez.

Aprendizaxe

Teresa Villaverde salientou que “hai un ano que se asinou o convenio para poñer en marcha a UNED Sénior de Lousame, que está en Toxosoutos, un enclave natural e histórico excepcional” e amosouse moi satisfeita polos resultados porque “estou convencida de que se aprende dende que se nace ata que se desaparece. E que é necesario compartir ese saber e esas experiencias. Na UNED Sénior os alumnos tamén poden ser mestres porque teñen moito que nos ensinar”.

Neste sentido, Villaverde Pais explicou que a elección da Escola das Minas de San Finx para acoller este acto non foi unha casualidade. “Aquí compartían ensino os veciños das aldeas cercanas cos fillos dos enxeñeiros da mina. E unha vez ao ano se reúnen aquí esas persoas para compartir o que aprenderon aquí”, explicou ante os maiores presentes. Ademais, fixo un chamamento á necesidade de conservar non só a memoria e as experiencias dos maiores, senón tamén do noso patrimonio: “a pena é que as actuacións que fixemos en San Finx non se puideran ter feito dez anos antes, pois non tería desaparecido o edificio da Xerencia. Temos que conservar o noso patrimonio antes de que desapareza e para iso os nosos maiores son moi importantes porque son os que teñen que contarlle ás novas xeracións o que houbo aquí”.

Inauguración oficial

Pola súa banda, Germán Carro Fernández felicitou aos maiores presentes “polo voso espírito de aprendizaxe” e agradeceulle a Fernando Docampo a súa interpretacion do “Gaudeamus Igitur” porque “é a primeira vez que escoito o himno da Universidade con gaita galega, grazas por facelo”. Germán Carro asegurou que o alumnado da UNED Sénior “representa o espírito de busca de coñecemento da nosa Universidade. Calquera dos alumnos pode ensinar tanto ou máis cos propios mestres. Porque a verdadeira Universidade é a que recolle as experiencias e as vivencias”.

Un punto no que incidiu Luís Rodríguez Patiño, quen asegurou que “se os maiores da UNED Sénior recolledes e transmitides a vosa experiencia, nos damos por satisfeitos. E máis se vos valorades e vos considerades importantes, porque tendes que dicirlle á sociedade que estamos aquí”. Ademais explicou que “a UNED Sénior da Coruña é a terceira en número de alumnos matriculados de España, e iso que somos unha universidade rural. Pero tamén somos a que ten a maior media de idade pois mentres no resto de España destacan que teñen xente de ata 70 anos, nós podemos dicir que temos xente de 90 e máis anos”.

UNED Lousame

Carme Freire falou en nome da Aula de Toxosoutos da UNED de Lousame para agradecer a colaboración tanto da UNED como do Concello de Lousame. “As persoas maiores teñen moito que transmitir e que contarnos. No rural temos tanto aínda que aprender, tantos sabores e saberes que compartir, que hai que agradecer que poidamos contar con esta iniciativa”.

Así mesmo, presentou aos profesores dos dous cursos da UNED Sénior de Lousame que se desenvolverán ata Febreiro de 2017: Lanoterapia, a cargo da profesora Socorro Vázquez Montero (luns, de 16:00 a 18:00 horas); e Música Lousamiá, a cargo do profesor Fernando Docampo Abeijón (luns, de 19:00 a 21:00 horas). O prezo do curso completo é de 50 euros. Para formalizar a matrícula ou procurar máis información pódese contactar con: Socorro (647 28 27 64/socovazquezmontero@gmail.com), Fernando (655 27 38 58/trioaslens@gmail.com) ou Carme Freire (686 78 38 00/arrexo4@gmail.com).

A xornada incluíu unha charla a cargo de María Teresa Sobradelo, licenciada en Xeografía e Historia e técnica do Concello de Lousame que disertará sobre “Historia e patrimonio mineiro do Concello de Lousame”. Ao rematar o acto, os maiores realizaron unha visita guiada ás minas de San Finx.